Caterina Valriu Llinàs (gal)

Os clásicos do imaxinario catalán (Séculos XIX e XX)

O escritor é, en esencia, un herdeiro. Alguén que recibe unha herdanza de moito valor, que volve formulala e que, áásúa vez, a deixa como legado aos demais. Un legado para os lectores da súa época e mais para os de épocas futuras, se a súa obra é quen de pasar a difícil proba do tempo, a única capaz de transformar un texto nun clásico. O escritor, na súa soidade, é un elo dunha longa cadea ou, se queredes, un fío do complexo tecido que conforma un tapiz. Ao escribir, bebe de fontes literarias, bebe da literatura oral que o alimentou antes que soubese descifrar as letras –e despois!-, bebe das lecturas escollidas ou impostas, bebe das obras que a súa sociedade etiquetou como clásicas, bebe tamén do mundo mítico que está presente na nosa vida, e xa que logo conforma a nosa maneira de ver o mundo e axúdanos a ordenar e tentar entender a realidade.

Dende sempre, en todos os lugares e todas as culturas, a humanidade sentiu a necesidade de crear mitos. O pensamento mítico é consubstancial á nosa natureza, e convive co pensamento lóxico. As relixións constrúense sobre unha base mítica que tenta dar respostas á incerteza da condición humana. A historia faise sobre un substrato mítico que trata de estruturar o pasado. Os modernos medios de comunicación, en gran parte, estrutúranse sobre unha base mítica que procura influír sobre nós alén da fría razón. O imaxinario, daquela, é unha coordenada imprescindíbel no proceso de humanización, de construción cultural.

Se me preguntades cales son os clásicos do imaxinario presentes na literatura catalá ao longo dos séculos XIX e XX, é certo que estades a me facer unha pregunta difícil, multidireccional, comprometida, talvez mesmo equívoca. Procurar respondela nunhas poucas páxinas é un reto bastante difícil, porén tan atractivo que non o podo rexeitar. Os enfoques da resposta poderían ser múltiples, e probabelmente igual de interesantes todos, pero teño que escoller unha opción. Tratarei de comentar aqueles referentes imaxinarios que os nosos escritores usaron reiteradamente ao longo destes dous últimos séculos e que axudaron a construír un tipo de "patria imaxinaria común", é dicir, un conxunto de historias, personaxes e motivos nos que se reflicte coma nun espello o noso sentido de pertenza a unha cultura diferenciada e á vez aberta: a cultura catalá.

1. O imaxinario fantástico
Vou nomear imaxinario fantástico aquel que fai referencia a seres con poderes ou calidades sobrenaturais: bruxas, fadas, demos, espíritos, ánimas en pena, personaxes diminutos vinculados ao bosque ou ao lar, heroes prodixiosos, serpes e xigantes, etc. Esta galería de personaxes é compartida por un amplo abano de culturas, e máis en concreto, inclúese na tradición común das terras mediterráneas, porén na nosa colle unha fisionomía peculiar, unhas características específicas e singulares.

A ideoloxía nacionalista que, máis ou menos explicitada, sustenta os principais movementos literarios cataláns do século XIX e do primeiro terzo do século XX é a que da sentido ao uso que se fai do noso imaxinario, recompilado e ordenado polos folcloristas desde mediados do século XIX. La Renaixença (o noso Rexurdimento), el Modernisme e el Noucentisme cataláns están intimamente vinculados á vertebración nacional do país, do mesmo xeito que tamén o estará unha boa parte da literatura xerada despois da época franquista. Só desde esta premisa podemos entender o uso e a pervivencia duns determinados referentes míticos.

Cando Jacint Verdaguer escribe Canigó (1885) constrúe un longo poema de carácter narrativo no cal mitifica o nacemento da Catalunya cristiá, en contraposición á mahometana. E faino trabando dous fíos argumentais: o mito pagán das fadas e o mito do guerreiro liberador. Fixémonos nas fadas, estes personaxes puramente imaxinarios que encarnan o tópico literario da vida de ouro: a beleza, o pracer, a inmortalidade, o gozo do amor, o gozo diante da natureza, as artes… Verdaguer recolle da tradición oral este vello soño da humanidade e á vez o medo que este mesmo soño produce: vivir no mundo pero fóra do mundo, ter poder sobrenatural porén ao tempo estar privados de humanidade… As fadas do Canigó, con Flordeneu (Flordeneve) coma raíña, son o que fascina e á vez cómpre botar fóra, a arroutada en fronte do siso, o pracer en fronte do deber. Entre a galería de fadas recreadas polos nosos autores destacan, sen dúbida ningunha, as referidas ás augas: goges, aloges, dones d'aigua, encantades…( mouras, sereas, doncelas, donas…) dende os Perineos até as Baleares, estas fadas enchen os nosos libros de poemas.

Quince anos despois de Canigó, o libro de poemas Visions i Cants de Joan Maragall (1900) é un exemplo claro do uso do conxunto das lendas na literatura de autor, co obxectivo non só de recrear unhas historias atractivas, senón de abastecer uns referentes identitarios. Así, Maragall traballa sobre lendas que el considera que reflicten –dun ou doutro xeito- o caracter catalán, a esencia da raza, na terminoloxía da época. Algo parecido fai o autor Costa i Llobera no seu libro Tradicions i fantasies (1903) onde recrea lendas mallorquinas, algunhas de carácter relixioso, outras históricas e moitas de orixe profana. N'Arruixamantells, por exemplo, extraída do imaxinario popular e recreada por Costa Llobera é o paradigma de fada sedutora, que é quen de facer perder o xuízo e levar cara ao infortunio a través do camiño da sensualidade.

Outro personaxe fascinante da nosa cultura é, sen dúbida, el Comte Arnau. O Conde Arnau é unha ánima en pena que cruza os Países Cataláns dun extremo a outro, condenado eternamente a cabalgar prendido en chamas para purgar as súas maldades ou os seus actos á marxe da lei. Vellas lendas e cantigas que se forman nas terras do que era a Catalunya Vella e chegan até o País Valencià e ás Illas, onde no século XVII o personaxe literario transmútase nun personaxe histórico –Ramon Safortesa Fuster, segundo conde de Formiguera (1627-1694)- e colle o alcume de Comte Mal. Do romanceiro e do conxunto de lendas o mito pasa á literatura culta e inspirou autores de épocas, estilos e xéneros moi diversos: Frederic Soler Pitarra, Jacint Verdaguer, Joan Maragall, Josep M. de Sagarra, Guillem Colom, Gabriel Ferrater, Joan Brossa, Rodolf Sirera… todos eles recrean o mito escuro do mal conde coa súa maldición e co seu desacougo, condenado polos seus amores sacrílegos e polos embustes e maldades feitas aos seus criados. Alguén dixo, en ton humorístico, que as lendas de Arnau conformarían un mito sindicalista, porque unha das causas principais da súa condena é a dos "soldos mal pagados". Porén, é ben posíbel que baixo a pervivencia deste personaxe de lenda latexe a ancestral reivindicación popular do castigo aos poderosos que abusan do seu estado. O Conde Arnau, relacionado tamén coa lenda do Mal Cazador é un personaxe singular no conxunto das lendas europeas, e a súa repercusión na literatura culta moderna presenta unha gran complexidade.

De caracter moi diferente e con raíces medievais é o outro gran referente mítico da catalanidade: Sant Jordi. A medio camiño entre a historia relixiosa e a tradición cabaleiresca, Sant Jordi é o paradigma do heroe, o que mata o dragón, o personaxe capaz de liberar un pobo asediado polo mal, de liberalo do caos e da desaparición, e sen pedir nada a cambio. O tratamento literario da lenda de Sant Jordi é igualmente amplo e diverso, especialmente na poesía, pero tamén na narrativa e no teatro : Frederic Soler Pitarra, Josep M. de Sagarra, Salvador Espriu, Pere Quart e moitos outros recrearon en Sant Jordi a figura providencial, o salvador. Contraposto ao dragón, escenifican a vella loita do ben contra o mal, do irracional e o racional, do instinto e a civilización. Na tradición romántica, a doncela convértese no símbolo de Catalunya e o dragón no inimigo, mítico, da patria.

II. O imaxinario de raíz histórica
Sant Jordi lévanos a falar agora do outro gran cabaleiro da catalanidade, o heroe fundacional por antonomasia, o rei Jaume I, chamado o Conquistador. De feito, son figuras intercambiables, xa que algunhas tradicións de carácter lendario son atribuídas, indistintamente, a un ou a outro personaxe. Jaume I é o noso heroe épico, equiparábel ao rei Arturo dos bretóns, ao Carlomagno dos francos ou ao rei Sebastián I dos portugueses. Os estudosos que analizan a figura do heroe indoeuropeo construíron un patrón narrativo que –a partir dunha serie de ítems que se repiten en multitude de biografías míticas- deseña a traxectoria vital do heroe. Ao aplicarmos este esquema á figura do rei Jaume I que nos amosa tanto a literatura culta coma a popular, podemos ver como o noso personaxe reúne todos os requisitos. É dicir, o modelo arquetípico do heroe mítico aplicóuselle ao personaxe histórico, e o que fica na memoria colectiva é a figura heroica do liberador e do fundador da patria(1). A relación de escritores que fixeron das fazañas do Conquistador material literario é moi extensa. Citaremos, só como exemplo, autores como Verdaguer, Maragall e Carner.

Ramon Llull sería un caso singular e ao mesmo tempo paradigmático: o escritor que se converte en personaxe literario. A figura portentosa do gran sabio medieval, as pasaxes lendarias da súa biografía, a fama de alquimista, a universalidade do seu pensamento, as viaxes arriscadas, a fe e a razón xuntas son elementos que engaiolan os escritores. Ramon lo Foll ( o Tolo ) entendido como crisol onde se funden o xuízo e a arroutada, a orde e o xenio, a sabenza e a perseveranza, aparece unha vez e outra en poemas e obras teatrais dende a Renaixença (Rexurdimento) até agora, e especialmente en novelas contemporáneas. Lembremos Raimon o el seny fantàstic (1985) de Lluís Racionero ou L'últim hivern de Ramon Llull, de Francesc Puigpelat (2004)(2).

Mais a historia, revisada pola ollada mítica da tradición, amósanos moitos outros personaxes ou grupos sociais que se converten en materia literaria e se transforman en símbolos. É o que acontece, por exemplo, cos fondeiros baleáricos do mundo clásico, os almogávares que, no século XIV, loitan con fereza na expansión catalá contra Oriente, os labregos e artesáns mallorquinos que se rebelan en fronte dos abusos da nobreza no século XVI e protagonizan as Germanies (1521-1523), os segadores da revolta chamada o Corpus de Sangue (1640), os xudeus conversos perseguidos e levados á fogueira. Todos estes episodios históricos -e tantos outros- foron transformados pola literatura historicista e achegada ao xeito poético do certame dos Xogos Florais do século XIX, pero tamén pola novela histórica contemporánea, tanto a que se dirixe a un público xuvenil -con autores como Vallverdú, Vergés, Canela, etc- coma a destinada ao lector adulto -Carme Riera, Alfred Bosch, Rosa Planas, etc.-

Derivada do tema do enfrontamento entre o pobo e o poder, emerxe unha das figuras literarias máis atractivas da literatura universal, a do personaxe marxinado que vive fóra da lei e se enfronta ao poder estabelecido. Este arquetipo do rebelde -que ten algunhas conexións con outra interesante figura literaria que é a do artista maldito- está fondamente enraizado na nosa cultura e toma a forma do bandoleiro, a do pirata e, máis modernamente, a do contrabandista ou o maquis. Os bandoleiros, enfrontados ao poder político e fóra de toda orde social, fascinan autores e lectores. As cançons de bandolers (cantigas de bandoleiros) son en Catalunya un xénero literario autónomo, cunha estrutura perfectamente marcada e un público fiel. Modernamente, o bandoleiro -ou os seus equivalentes- convértense en protagonistas de poemas, novelas e obras teatrais, sempre marcados por unha pincelada romántica e reivindicativa. Ás veces, engádese unha aura máxica: o afastado fixo un pacto co demo, posúe un talismán que o converte en intocábel, ten o don da ubicuidade, etc. ou ben vincúlase á figura do "lladre d'amor" (ladrón de amor). Joan de Serrallonga, Perot Rocaguinarda, Tallaferro son nomes que enchen unha galería mítica cun reflexo na literatura culta desde o Rector (párroco) de Vallfogona a Salvat-Papasseit. Tamén cantautores tan coñecidos como Serrat ou LluÍs Llach tratan esta figura nas súas cancións. Na literatura contemporánea moitos destes elementos reformúlanse no contrabandista: valor, natureza esgrevia, misterio e perigo, defensa dos humildes e ataque aos poderosos. Baltasar Porcel, no conxunto de obras que conforman o chamado "mito de Andratx", traballa con mestría este arquetipo literario.

III. O imaxinario da modernidade
Na literatura contemporánea catalá, malia atoparmos nela os vellos mitos de sempre -adoito reformulados polo camiño da desmitificación ou profundados pola vía da humanización- faise evidente a entrada dunha galería mítica de novo cuño, de caracter globalizador e compartida por todas as sociedades occidentais, que por unha banda nos abre ao mundo, porén pola outra nos fai cada vez máis estándar, é dicir vólvenos uniformes. Personaxes do mundo do cine, da música, da banda deseñada, da ciencia-ficción ou da realidade contemporánea convértense en iconas sobre as que a sociedade actual -os creadores, os medios de comunicación de masas, os consumidores- proxecta o seu pensamento mítico, e logo as adapta aos modelos arquetípicos preestabelecidos. Así, personaxes humanos como Marilyn Monroe, J.F. Kennedy, Ghandi, Elvis Presley, James Dean ou os Beatles, e outros de ficción como Superman, Godzilla. Ciudadán Kane ou Harry Potter convértense en referentes culturais e encarnan un arquetipo determinado: o heroe, o agresor, o santo, o líder, a sensualidade feminina, o aprendiz de bruxo, o rebelde, o manipulador, etc…

Como en todas as literaturas occidentais, na catalá prodúcese tamén un proceso de incorporación ao noso imaxinario destes materiais, por medio do cal os autores constrúen personaxes ou argumentos de ficción cunha imaxe semellante á dos que nos chegaron a través do cine ou da literatura anglosaxona, pero atribuíndolles un xeito particular e situándoos nunhas coordenadas de espazo e tempo que nos resultan familiares. Así, o modelo de detective popularizado pola novela negra ou as películas adáptase ao noso contexto e aparecen detectives que nos resultan ben próximos, como Lònia Guiu de Maria Antònia Oliver ou o peculiar Flanagan de Andreu Martin e Jaume Ribera.

Porén tamén hai un proceso mitificador que opera sobre realidades próximas non impostas desde os grandes medios de comunicación. No caso catalán, por exemplo, Lluís Companys, presidente da Generalitat en tempos da República, é un personaxe sobre o que se espalla unha aura mítica, o heroe fundacional dun proxecto nacional interrompido, e como tal convértese en protagonista literario ou cinematográfico.

IV. REMATE
Como salienta o Dr. Josep M. Grimalt, estudoso dos contos fantásticos, o mito está presente sempre e en todas as civilizacións, porque responde a unha necesidade ancestral do ser humano:
A función do mito nunha comunidade é máis transcendente cá do conto fantástico: o mito é unha forza social, inflúe na conduta dos individuos, da sentido á existencia e pode provocar un culto. A función do conto é máis modesta: entre nós xa non é moi distinta á exercida pola literatura de evasión, sen que iso supoña unha equiparación respecto dos valores estéticos. Podemos concibir un pobo sen contos, mais non sen mitos. As modernas sociedades tecnificadas esqueceron os contos, pero tivemos que construír mitos novos.(3)

O imaxinario, logo, é como a enerxía: transfórmase, así de sinxelo. As súas orixes pérdense nun pasado remoto, tanto que non o conservamos na memoria. A súa destrución é inimaxinábel. O que si que podemos constatar é un proceso de transformación, esencialmente vinculado á forma, á canle de transmisión e ao modo de recepción por parte dos individuos, mais esta transformación afecta pouco ao núcleo básico do imaxinario, que se funda sobre a construción mítica e que funciona por arquetipos. Porque é nesta capacidade de adaptación ás novas circunstancias e ao tempo de permanencia onde radica o secreto da súa pervivencia. Desde a nosa casa, desde a nosa literatura -marcada desde sempre pola peripecia histórica do noso pequeno país- precisamos seguir traballando para evitar a uniformización do noso imaxinario, para cultivar a herdanza recibida e ser quen de recoller os froitos dela renovados e saborosos.

NOTAS
1. Sobre este tema convén mirar o artigo "La figura mítica de l'heroi: el cicle llegendari del rei en Jaume I" de Caterina Valriu publicado na Revista d'etnologia de Catalunya, núm 27, novembro 2005.
2. Sobre este tema convén mirar un interesante artigo de Maria Isabel Ripoll titulado "La desmitificació del mite: la recreació ficcional de Ramon Llull" a Lluc, núm.38. Palma 2005.
3. GRIMALT, J. A.: "La catalogació de les rondalles de Mossèn Alcover com a introducció a llur estudi" en Randa 7, Barcelona, 1978.

(Traducido do catalá por Lluïsa Soaz)